Proposta da Xunta de Galicia

Para un Acordo de Estabilidade.

REGULACIÓN DO ACCESO E DAS CONDICIÓNS DE TRABALLO DO PERSOAL DOCENTE INTERINO E SUBSTITUTO DEPENDENTE DA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA DA XUNTA DE GALICIA, QUE IMPARTE ENSINANZAS DISTINTAS DAS UNIVERSITARIAS.

 

           A disposición transitoria  décimo sétima da Lei Orgánica de Educación prevé un sistema  de acceso á función pública docente, no que se valorará de forma preferente na fase de concurso a experiencia docente previa nos centros docentes públicos da mesma etapa educativa, ata os límites legais permitidos. A fase de oposición, que terá unha soa proba, versará sobre os contidos da especialidade que corresponda, a aptitude pedagóxica e o dominio das técnicas necesarias para o exercicio da docencia.

            Parece oportuno que,  precisamente durante este período transitorio, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria se marque un obxectivo claro de diminución do traballo en precario no ámbito da función pública docente non universitaria, con amplas ofertas de emprego nos próximos anos, previa negociación no marco da mesa sectorial docente non universitaria.

O artigo 19 do Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, establece que a selección de persoal interino se efectuará observando os principios de igualdade, publicidade, mérito e capacidade a través dun procedemento que deberá posibilitar a máxima axilidade na selección, en razón á urxencia requirida para cubrir transitoriamente os postos de traballo.

            O procedemento máis axeitado para esta selección é o que a propia Administración utiliza para seleccionar funcionarios de carreira, respectando a prioridade daquelas persoas que prestaron servizos como interinos ou substitutos.

 

Primeiro

OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establece como obxectivo que o número de interinos dos corpos docentes que imparten docencia distinta da universitaria  sexa inferior ao cinco por cento dos cadros de persoal.

           Para acadar este obxectivo, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria realizará, durante o período previsto na disposición transitoria décimo sétima da Lei Orgánica de Educación, amplas ofertas de emprego, previa negociación na mesa sectorial docente non universitaria.

           No proceso de negociación das ofertas de emprego, as partes asinantes do presente acordo terán en conta, ademais das xubilacións que se produzan e as novas necesidades derivadas das políticas educativas, os resultados producidos no desenvolvemento  dos concursos-oposicións inmediatamente anteriores.

 

Segundo

ORDE DE PRIORIDADE NO NOMEAMENTO DO PROFESORADO INTERINO E SUBSTITUTO

 O nomeamento de profesores interinos e/ou substitutos dos corpos docentes que imparten ensinanzas distintas das universitarias realizarase pola seguinte  prioridade:

 

1.- Profesorado que prestou servizos como interino ou substituto no curso académico 2005-2006, pola mesma orden na que elixiron no devandito curso, sempre que non renunciasen a unha interinidade ou substitución que se lles tivese ofertada.

 

2.- Participantes nos procedementos selectivos de ingreso e acceso aos corpos docentes que imparten ensinanzas distintas das universitarias convocados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que non estean incluídos nas listas dos aspirantes que superaron o procedemento selectivo, sempre que posúan unha das titulacións que, para cada especialidade, se determinan no anexo do presente acordo.

            Quedarán exentos de estar en posesión da titulación correspondente aqueles opositores que superen, de se-lo caso, o primeiro exercicio do procedemento selectivo.

Este colectivo ordenarase, para os efectos de prioridade na elección por especialidades e dentro de cada especialidade por bloques, de acordo co número de exercicios superados no proceso selectivo; dentro destes bloques, pola puntuación final resultante da fase de concurso e oposición, conforme á normativa en cada momento vixente.

Cando exista a mesma especialidade en máis dun corpo e se convoque no mesmo ano concurso-oposición nos dous corpos, elaborarase unha lista única integrada polos opositores que non superaron os procedementos selectivos, intercalándose pola orde de puntuación, conforme ao previsto no parágrafo anterior.

 

3.- Mentres non se cree e se convoque concurso-oposición da especialidade de “Primaria” do corpo de mestres, para cubrir as necesidades de educación primaria ou, se é o caso, outras prazas sen perfil, elaborarase unha lista xeral ordenada conforme aos criterios previstos no parágrafo anterior.

 

4.- O colectivo citado no parágrafo 2 do apartado segundo renovarase cada ano que se celebren procedementos selectivos tendo en conta que o persoal que chegase a prestar servizos quedará integrado no parágrafo 1 do mesmo apartado segundo.

 

5.- O profesorado interino procedente dos centros dependentes do Instituto Social da Mariña integraranse nas listas, no corpo e especialidade correspondente, coa antigüidade que acrediten nestes centros.

 

Terceiro

CONVOCATORIAS DE LISTAS DE INTERINIDADES E SUBSTITUCIÓNS

Se unha vez realizado chamamento a todas as persoas que constan nas relacións  mencionadas no apartado segundo, continuase resultando necesario cubrir necesidades de profesorado, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, previa comunicación ás organizacións sindicais con presenza na mesa sectorial docente non universitaria, procederá a abrir un prazo de solicitudes, aplicándose o baremo publicado na fase de concurso do último concurso-oposición convocado.

 

Cuarto.

CONVOCATORIAS DE LISTAS ESPECÍFICAS DE INTERINIDADES E SUBSTITUCIÓNS E DE PROFESORADO ESPECIALISTA

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá realizar convocatorias específicas, para cubrir temporalmente prazas de “profesorado especialista”, de profesorado de artes plásticas e deseño, para a impartición das ensinanzas superiores e nas especialidades relativas á escola de arte dramática, aplicándose o baremo que previamente se negocie na mesa sectorial docente non universitaria.

 

Quinto.

OBRIGATORIEDADE DE PRESENTARSE AOS PROCEDEMENTOS SELECTIVOS

1. O profesorado interino e substituto terá a obriga de presentarse aos procedementos selectivos de acceso e ingreso aos corpos correspondentes, convocados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, sempre que se convoque a súa especialidade.

 

2. Decaerán dos seus dereitos e serán excluídos das listas o profesorado interino ou substituto que non se presente aos procedementos selectivos, agás causa xustificada, libremente apreciada pola comisión de seguimento do presente acordo, e aqueles que non acaden unha puntuación superior a cero.

 

3. Cumprirán o requisito de participar nos procedementos selectivos aos que fai referencia o parágrafo 1 deste punto quinto, aquelas persoas que se presenten

 

-         a unha especialidade distinta da que están impartindo

-         a unha especialidade dun corpo distinto do que están impartindo docencia.

-         en calquera convocatoria de concurso-oposición realizada polo Ministerio de Educación e Ciencia ou outra Comunidade Autónoma.

 

Sexto.

PRAZAS DE ACEPTACIÓN VOLUNTARIA

Cando as prazas ofertadas sexan de itinerancia,  ou de tempo parcial,  o aspirante poderá non efectuar solicitude destas prazas, sen que iso implique a renuncia ás listas e aos próximos chamamentos que lle correspondan. Asemade, poderán rexeitar estas prazas nos chamamentos que se produzan.

 

Sétimo.

PERSOAL QUE FIGURE EN MÁIS DUNHA LISTA

1.- Se algún aspirante a interinidade ou substitución figurase en máis dunha lista, non se lle ofertará ningunha praza se xa posúe nomeamento de interinidade ou substitución.

 

2.- No seguinte curso académico ao que lle corresponda prestar servizos por máis dunha lista deberá optar por efectuar solicitude de interinidade por unha soa lista.

 

Oitavo.

RENUNCIAS

 1. Os profesores interinos e substitutos terán dereito a non aceptar as interinidades ou substitucións que se lle ofrezan, sen perde-lo número de orde na lista correspondente, por un período mínimo dun curso académico ou polo que reste de curso académico, desde a súa solicitude, polas seguintes causas: 

-         Para atender o coidado dun fillo menor de seis anos, tanto cando o sexa por natureza ou por adopción ou acollemento permanente ou preadoptivo.

-         Para atender o coidado dun familiar que se teña ao seu cargo, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que, por razóns de idade, accidente ou enfermidade, non poida valerse por si mesmo, e non desempeñe actividade retribuída.

-         Por enfermidade grave

-         Por ter concedida unha bolsa de estudos.

-         Por ampliación de estudos. Enténdese que hai ampliación de estudos cando se realiza o doutorado ou estudos para obter un título superior ao que se posúe, así como a formación no estranxeiro de linguas ou nas ensinanzas de réxime especial.

-         Por ser vítima de violencia de xénero.

-        Por calquera das circunstancias que permite aos funcionarios públicos a concesión dos servizos especiais.

 

2.- Os profesores interinos e substitutos poderán solicitar non ser chamados para as prazas que puidesen corresponderlles, por un período máximo e improrrogable de tres cursos académicos, que non terán que ser necesariamente consecutivos, sempre que aleguen e xustifiquen que teñen un contrato de traballo de carácter temporal ou prestan servizos, tamén con carácter temporal, noutro posto do sector público.

 

3.- Este prazo empezará a computarse a partir do curso académico 2006-2007.

 

4- Non será posible efectuar esta opción unha vez producido o nomeamento de interino ou substituto, agás causa sobrevida ao nomeamento.

 

5.- O profesorado ao que se fai referencia neste punto oitavo poderá optar, durante os períodos máximos e mínimo previstos no mesmo, por realizar substitucións nunha zona educativa.

 

Noveno.

PRAZO DE COBERTURA DAS SUBSTITUCIÓNS

As substitucións cubriranse cunha antelación máxima de tres días lectivos.

 

Décimo.

TOMA DE POSESIÓN

           1.- As tomas de posesión das interinidades e substitucións que non coincidan co comezo do curso, sen prexuízo das xestión que de se-lo caso teñan que efectuarse na Delegación Provincial, realizaranse no centro educativo no día lectivo inmediatamente seguinte ao do nomeamento.

            2.- A falta de toma de posesión implicará o decaemento do dereito ao nomeamento realizado e á permanencia nas listas.

3.- A aquelas persoas que non poidan tomar posesión por encontrarse de baixa por enfermidade ou con permiso de maternidade reservaráselle o posto ata que se encontren en situación de alta, nomeando ata tanto a outro profesor substituto. No caso de permiso maternal, o tempo transcorrido nesta situación será computable a efectos administrativos como de servizos efectivos prestados.

 

Décimo primeiro

ELECCIÓN DE PROVINCIA OU PROVINCIAS

O profesorado interino e substituto que non obteña praza na adxudicación de destinos provisionais para un curso académico poderá acollerse, sen necesidade de causa xustificada, a prestar servizos como interino ou substituto nunha ou en máis dunha provincia. O que non efectúe petición entendese que opta por prestar servizos en tódalas provincias da Comunidade Autónoma.

 

Duodécimo

DEREITOS RETRIBUTIVOS DO PROFESORADO SUBSTITUTO.

1. A partir do inicio do curso académico 2006/2007, o profesorado substituto que preste servizos efectivos nun curso académico durante polo menos cinco meses e medio, terá dereito a que se lle efectúe un nomeamento polo días do mes de agosto que procedan, unha vez deducidos os aboados por vacacións non gozadas.

 

2. A partir do inicio do curso académico 2007/2008, o profesorado substituto que preste servizos efectivos nun curso académico durante polo menos cinco meses e medio, terá dereito a que se lle efectúe un nomeamento polo mes de xullo e polos días do mes de agosto que procedan, unha vez deducidos os aboados por vacacións non gozadas.

 

3. Para os efectos do cómputo dos cinco meses e medio de servizos efectivos non se terán en conta os días aboados por vacacións non gozadas, os días que non se prestaron servizos sen causa xustificada e  os días de baixa por enfermidade.

 

4. Si será computable para os efectos da determinación dos cinco meses e medio de servizos efectivos o tempo transcorrido en baixa maternal, tanto para a nai como para o pai, se este gozou dunha parte do permiso.

 

5. Para ter dereito a este nomeamento polos días do mes de xullo e de agosto que procedan será preciso acreditar non estar dado de alta no réxime da seguridade social ou de autónomos nos devanditos meses.

 

6. Non terán dereito a este nomeamento polos días do mes de xullo e de agosto aqueles substitutos que soliciten non ser chamados nalgún momento do curso académico, en virtude do previsto no apartado oitavo do presente Acordo e os que perdesen o dereito ao chamamento, segundo o disposto no apartado seguinte.

 

Décimo terceiro.

CAUSAS DE PERDA DO DEREITO Á PERMANENCIA NAS LISTAS DE CHAMAMENTOS

           Decaerán no seu dereito a estar nas listas e aos chamamentos os candidatos:

 

a)     Que non acepten unha praza de interinidade ou substitución que se lles oferte, agás que exista unha das causas xustificadas que se citan no punto oitavo do presente acordo.

 

b)    Que sexan sancionados con suspensión de funcións en razón de expediente disciplinario.

 

c)    Os que non tomen posesión da praza adxudicada no día lectivo inmediatamente seguinte ao do nomeamento, agás causa xustificada libremente apreciada pola Secretaria Xeral.

 

d)     Por incompetencia pedagóxica para o desempeño do posto, previo expediente contradictorio e oída a comisión de seguimento prevista no apartado décimo cuarto.

 

e)     Non concorrer aos procedementos selectivos ou non obter unha puntuación superior a cero, conforme se prescribe no punto quinto do presente acordo.

 

Décimo cuarto.

COMISIÓN DE SEGUIMENTO.

           Para facilitar o cumprimento, interpretación e desenvolvemento do presente Acordo constituirase unha comisión de seguimento formada por representantes da Administración e das organizacións sindicais asinantes que se reunirá polo menos unha vez ao ano, por petición de calquera das partes.

 

Fonte CIG-Ensino