Que Pedimos?

ACORDO DE ESTABILIDADE PARA O PROFESORADO INTERINO/SUBSTITUTO PROPOSTO POLA CIG-ENSINO, FETE-UGT, STEG E A ASOCIACIÓN DO PROFESORADO NON NUMERARIO DE GALICIA, PARA A COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA.

 

PROFESORADO INTERINO/SUBSTITUTO

A Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e as organizacións asinantes acadan o seguinte acordo para mellorar as condicións de traballo do profesorado interino e polo tanto a calidade no ensino público non universitario, respectando o acordo do 20 de xuño de 1995 para os aspectos alí contemplados e que non se recollen neste.

 

ESTABILIDADE NO POSTO DE TRABALLO

1.- Co obxecto de acadar a estabilidade no posto de traballo até acceder á función pública docente, o profesorado interino ou substituto que con data 1 de Outubro de 2006 teña prestado servizos, como mínimo dun ano, á Administración educativa galega, terá garantido un posto de traballo de interino nos próximos 6 cursos (2006-07, 2007-08, 2008-09, 2009-10, 2010-11, 2011-12), prorrogábeis automaticamente se non hai denuncia polas partes. A estes efectos, a Consellaría de Educación estenderalles o nomeamento de profesorado interino ao comezo de cada curso.

 

2.- Queda dentro do ámbito de aplicación do estabelecido no apartado anterior o profesorado que ao longo destes cursos acumule como mínimo un ano de servizos.

 

ACCESO Á FUNCIÓN PÚBLICA DOCENTE

3.- A Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e as organizacións asinantes deste acordo comprométense a realizar e/ou promover as modificacións normativas necesarias no sentido de posibilitar un acceso diferenciado para o profesorado con servizos prestados á Administración educativa. Para isto, solicitarán ao Parlamento de Galicia que inste ao Goberno do Estado para que regule un sistema de acceso á función pública docente que permita consolidar o posto de traballo do profesorado interino e substituto.

 

4.- A Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria tenderá á diminución do profesorado interino a través do seu acceso definitivo á condición de funcionario de carreira. As partes asinantes deste acordo negociarán a oferta pública de emprego que garanta a estabilidade do profesorado interino, facilite o seu acceso á condición de funcionarios/as de carreira e posibilite o incremento dos actuais cadros de persoal dos centros.

 

5.- A Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria promoverá a modificación da actual lexislación para posibilitar que o profesorado interino ou substituto que non ten a titulación requerida para o acceso ao funcionariado sexa habilitado por experiencia docente.

 

 DEREITOS E CONDICIÓNS LABORAIS DOS/AS INTERINOS/AS E SUBSTITUTOS/AS

6.- O profesorado interino e substituto disfrutará dos mesmos dereitos laborais, administrativos, sociais e económicos que os funcionarios/as de carreira: licenzas por estudos; cursos de formación; pago inmediato do salario; dereito a percibir axudas do fondo social para adquisición de vivenda; dereito do profesorado substituto a cobrar os meses do verán tras seis meses traballados no curso; cobro de antigüidade (trienios e sexenios); etc… e todos aqueles outros contemplados na Lei da Función Pública de Galicia, a Estatal e no Estatuto dos Traballadores. O contrato dos/as substitutos/as incluirá o período vacacional se o/a titular continúa de baixa durante este tempo.

 

7.- A Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria comprométese a emprender as accións necesarias encamiñadas a modificar a lexislación actual para que o profesorado interino teña garantido o dereito a percibir o cobro dos trienios e sexenios.

 

8.- A Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria comprométese a garantir a estabilidade laboral até o momento da xubilación ao profesorado interino que acade 8 anos de servizos prestados á Administración  educativa galega.

 

O profesorado que cumpra 55 anos de idade durante o período de vixencia deste acordo será eximido do requisito de participar nos procedementos de selección que se convoquen.

 

Santiago, 14 de setembro de 2005

 

 

Asinado por  CIG-ENSINO              FETE-UGT                STEG               Asoc. Prof. Non Num. Galicia